Os Parquistas de Carril contan con diferentes ferramentas especificamente deseñadas para a recolección dos bivalvos e tamén respectuosas co medio ambiente. Unha vez levada a cabo a recollida, realízase a primeira selección, que consiste en separar o produto por especies e tamaños, o cal debe de ter as dimensións axeitadas para comercializar e coa calidade desexada. Os exemplares de tamaño inferior ao permitido son devoltos de novo aos parques de cultivo co fin de que adquiran as dimensións acaídas para a súa venda.
Así, as tallas mínimas de lonxitude para cada especie que aplica a OPP89, segundo a normativa vixente, son as seguintes:
Os tamaños mínimos de recolección e venda están supervisados e garantidos pola organización, conforme á Orde do 27 de xullo de 2012 da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta lexislación persegue o obxectivo de garantir a protección dos xuvenís dos organismos mariños e asegurar a continuidade do recurso, non comercializando ningún produto por baixo do tamaño mínimo estipulado para a súa venda.
Ferramentas de extracción
A maioría dos parques están conformados por parcelas de pequena extensión. Os seus propietarios realizan a extracción a pé e empregan un anciño especial que leva o nome de raño, o cal é capaz de remover a area do fondo e colleitar o delicioso bivalvo. Esta ferramenta ten as puntas separadas de tal xeito que poden seleccionar as que son dun bo tamaño para ser consideradas como adultas. Ademais, se o número é demasiado grande, poden utilizar unha embarcación de apoio na que van depositando e seleccionando por tamaños e especies os bivalvos extraídos.
Cando o parque dispón dunha extensión que o permite, empréganse artes mecánicas ideadas polos propios produtores con inxeccións de aire e auga que levantan os bivalvos do substrato e deposítanos nun raño con copo de rede. Deste xeito, conseguen non só a total extracción dos bivalvos en cultivo no parque, senón tamén a remoción, aireación e saneamento do substrato.