Turismo mariñeiro. Experiencias de turismo
Ademais da propia actividade extractiva, os Parquistas de Carril apostan tamén por diversificar os seus servizos. Para iso, e dado o crecente interese que xorde polo turismo de experiencias, puxéronse en marcha unha serie de iniciativas enfocadas a dar a coñecer, de xeito directo, o traballo que desenvolven día a día as máis de 650 familias que integran este colectivo e que viven directamente do mar.
Unha experiencia diferente
Residentes e visitantes teñen a oportunidade de descubrir a realidade dun oficio que conta cunha tradición mariñeira con máis de 500 anos de historia. Esta experiencia combina tanto o coñecemento do traballo desenvolvido nun areal da ría de Arousa -que comeza na praia de A Concha de Vilagarcía de Arousa, discorre en paralelo á praia de Compostela e finaliza na desembocadura do río Ulla entre a Illa de Cortegada e a parroquia de Carril-, como unha experiencia onde a paisaxe, cos seus parques de cultivo, conta cun aspecto e un sabor propios.
Este tipo de turismo trata de dar a coñecer ás persoas visitantes o día a día da profesión, mostrándolles, así, todo o traballo que hai detrás do selo de calidade de “Ameixa de Carril” e dos outros bivalvos que se extraen nesta zona. E é que, alén a actividade propia de recollida de marisco, levan a cabo outras accións como acondicionamentos do substrato, sementas, rareos, limpezas e unha infinidade de coidados. Con este coñecemento, promóvese que os consumidores aprecien moito máis o valor e a calidade dos produtos que se comercializan desde Parquistas, enxalzándoo a través dunha experiencia directa.
Visitas guiadas
As visitas guiadas conforman a actividade estrela, cuxo principal obxectivo pasa por promocionar as afamadas ameixas de Carril a través do turismo mariñeiro. Para iso, desde a Agrupación de Parquistas procedeuse a documentar a través de diversas investigacións toda a contorna, co fin de ofrecer ás persoas visitantes unha información o máis detallada e veraz posible. Coñecementos que se combinan co saber sobre o oficio e a profesión que se foi trasladando de xeración en xeración durante fai xa máis de medio milenio.
Desde Parquistas ofrécense diversos tipos de visitas, que agrupan baixo o nome “Emociónate co noso oficio” e que mostran o intenso traballo que se desenvolve na zona. As actividades permiten desde a mera observación a un percorrido moito máis participativo. As propostas están enfocadas a todo tipo de públicos: escolares, familias e grupos de turistas, adaptando a experiencia a todas as idades.
Deste xeito, realízanse visitas guiadas aos parques da zona, que poden combinar rutas por mar e por terra. Ademais, ofrécense percorridos polas sendas da Illa de Cortegada e o Camiño do Carro, co fin de que as persoas participantes poidan coñecer con todo detalle tanto o traballo levado a cabo pola Agrupación de Parquistas de Carril como a fermosa contorna no que se desenvolve.
Variabilidade segundo estación e climatoloxía
Ademais, cabe ter en conta que as visitas se poden realizar durante varias épocas do ano, sen que resulten repetitivas, xa que os coidados dos parques varían segundo a estación e a climatoloxía. Por iso, se un grupo de turistas realiza unha visita no verán, observará unha actividade distinta de se o fai no inverno, xa que, ademais das diferentes tarefas que se realizan, a climatoloxía tamén cambia e, con iso, a propia indumentaria que deberán levar tanto parquistas como visitantes. Esta variabilidade conforma unha das grandes vantaxes deste tipo de propostas, debido a que se poden realizar varias veces e vivindo unha experiencia diferente en cada unha das ocasións.
Se así se desexa, as actividades tamén poden incluír degustacións de ameixas e berberechos ou, mesmo, menús específicos nos que estes bivalvos contan cun especial protagonismo. Un amplo abano de posibilidades que amosan todos os aspectos a descubrir sobre o turismo en Carril.
Showcookings
Co turismo gastronómico en alza, desde a Agrupación de Parquistas de Carril tamén apostan por ofrecer showcookings para persoas que queiran coñecer de primeira man os múltiples pratos que se poden elaborar utilizando as “Ameixas de Carril”. Do mesmo xeito, aprovéitanse este tipo de propostas para salientar os distintos matices que se poden distinguir entre unhas elaboracións e outras.
Salsas tradicionais, receitas innovadoras e técnicas imprescindibles son os principais coñecementos que se trasladarán ás persoas participantes nestas sesións. Unhas iniciativas que, novamente, poñen en valor a calidade dos produtos extraídos nesta zona da Ría de Arousa dun modo directo aos consumidores.
Como facer unha reserva?
Para realizar unha reserva de calquera das actividades anteriormente mencionadas ou para obter máis información sobre estas propostas, pódese chamar directamente ao teléfono 986 508 077. Do mesmo xeito, pódese remitir un correo electrónico coa solicitude pertinente a info@parquistasdecarril.es.